O prazo para inscribirse na escola deportiva de fútbol de Poio remata o 14 de xaneiro

Poio
08 de decembro 2020

Tanto a disciplina de fútbol como o triatlón iniciarán as súas escolas no mes de xaneiro de 2021. O Concello de Poio indica que ao igual que nas actividades que xa están en marcha van cumprirse as medidas de seguridade e protocolos establecidos por cada federación e será obrigatorio que todas as persoas participantes teñan ficha federativa

Presentación das Escolas deportivas de Poio
Presentación das Escolas deportivas de Poio / Cristina Saiz

Durante o próximo mes de xaneiro está previsto que se inicien algunhas das disciplinas das Escolas Deportivas municipais que aínda non comezaron a tempada, como consecuencia da situación provocada pola pandemia.

As modalidades de fútbol, triatlón e ximnasia rítmica estarán en funcionamento nese mes. A concelleira de Deportes Marga Caldas afirma que a intención do goberno local é que as sesións, que estarán adaptadas ás medidas de seguridade e protocolos establecidos polas diferentes federacións, comecen durante a segunda quincena de xaneiro. Está previsto que a tempada se prolongue ata finais do mes de xuño, sempre que as condicións sanitarias xerais así o permitan. 

En fútbol, unha das modalidades máis demandadas, os adestramentos das distintas categorías serán de martes a venres. A maioría das sesións realizaranse no campo da Seca. O prazo para apuntarse ás categorías de Prebenxamín, Benxamín 8, Alevín 8, Alevín 11, Infantil A e  B, Cadete e Xuvenil estará aberto ata o luns 14 de xaneiro. Só van iniciarse as modalidades de fútbol en exterior e suspéndese a liga Biberón, ademais dos adestramentos no interior das instalacións para garantir a seguridade dos participantes.

Outras disciplinas das Escolas Deportivas iniciáronse no mes de novembro, atendendo aos protocolos de seguridade de maneira estrita, a través de sesións sen contacto corporal e con uso da máscara.

No caso de que se rexistre algún contaxio, utilizarase o mesmo protocolo que o utilizado nos centros educativos cando se detecta un caso positivo. Segundo explica Marga Caldas, se aposta por adestramentos a porta pechada nos que non existe contacto, sen uso de vestiarios e non se permitirá o acceso de persoas ás instalacións municipais, que se manterán pechadas ao acceso de público.