O presente e futuro da portería da Selección Española pasa por Poio

Poio
18 de decembro 2019

Iria Varela, gardameta cadete do Poio Pescamar, participou nunha concentración nacional en Las Rozas, seguindo os pasos das porteiras do primeiro equipo, Silvia Aguete e Caridade García, convocadas pola selección para os próximos amigables en Portugal

Iria Varela, gardameta do Poio Pescamar, na concentración do equipo nacional cadete
Iria Varela, gardameta do Poio Pescamar, na concentración do equipo nacional cadete / Poio Pescamar FS

A portería do Poio Pescamar está en boas mans, agora e nos próximos anos. Ao dúo de gardametas do primeiro plantel, habituais nas convocatorias da Selección Española, únese á remuda que aparece no horizonte desde as categorías inferiores.

Iria Varela, xoven xogadora vermella de idade cadete,participou nunha recente concentración de adestramento en Las Rozas ás ordes do corpo técnico da Real Federación Española de Fútbol.

Esta convocatoria supón un novo recoñecemento ao traballo de canteira da entidade da Seca, co obxectivo de ir nutrindo de futbolistas da casa ao primeiro equipo na máxima categoría.

Pero non é a única noticia que relaciona estes días ao Poio Pescamar coa Selección Española, e é que Silvia Aguete volve a unha convocatoria do equipo nacional absoluto tras as súas últimas ausencias, acompañando á súa compañeira en Poio, Caridad García. Ambas as dúas coparán a portería de España nos próximos amigables do combinado nacional en Portugal os días 14 e 15 de xaneiro, unha cita á que tamén acudirá a pontevedresa Jenny Lores, agora nas filas do Burela.

Ademais Silvia recollerá por segundo ano consecutivo o premio que a recoñece como mellor gardameta da tempada e será homenaxeada, do mesmo xeito que Caridae, na gala do fútbol sala en Las Rozas polo título conquistado na pasada Eurocopa de seleccións.