Máis de 150 vehículos rexistrados e dous días de emocións para os amantes do mundo do motor. É o que ofrecerá esta próxima fin de semana o III Rally de Pontevedra Memorial Miguel Álvarez.
Sanxenxo será o centro operacional dunha competición que trata de superar o tráxico falecemento do piloto Víctor Magariños nun dos seus tramos durante a xornada habilitada para recoñecementos do trazado. De feito antes de que dea comezo a cerimonia de saída, ás 19.00 horas do venres desde a Praza dos Barcos, está previsto que se garde un minuto de silencio na súa memoria.
Na propia Praza dos Barcos e no Real Club Náutico de Sanxenxo realizaranse as verificacións técnicas e administrativas, abrindo unha exposición ás 17.00 horas para que os afeccionados poidan gozar dos coches antes da saída.
Ese mesmo venres, tras a cerimonia inicial, os participantes dirixiranse ao parque empresarial de Nantes para afrontar o tramo espectáculo de 4 quilómetros que dará inicio oficial ao rally (desde as 19.54 horas).
Será o aperitivo do que virá o sábado día 19. A partir xa das 7.30 os coches comezarán a saír do parque pechado instalado en Baltar en dirección a Meaño para a primeira das tres pasadas previstas a ese tramo (11 quilómetros). Os tramos darán comezo se se cumpre o horario previsto ás 7.51, as 12.33 e as 17.15 horas.
O segundo dos tramos de competición será o deseñado en Ponte Caldelas (11,8 quilómetros) ás 8.54, 13,36 e 18.18 horas, mentres que o terceiro e definitivo será o de Cerdedo-Cotobade (11,2 quilómetros) con pasadas ás 9.49, 14.31 e 19.13 horas.
A proba conlevará un amplo dispositivo de tráfico coordinado pola Garda Civil de Tráfico e con colaboración das policías locais, con controis previstos en terra e aire durante as dúas xornadas do Rally de Pontevedra, e é que se prevé unha importante presenza de afeccionados para seguir as evolucións da competición.
Os plans da organización, a cargo da Escudería Congostra Team Sanxenxo, é levar a cabo a entrega de premios aos vencedores a partir das 23.00 horas do sábado na Praza dos Barcos de Sanxenxo.