Repetir o inicio da tempada pasada en casa, cando converteu Pasarón nun auténtico fortín, é o obxectivo dun Pontevedra que se estrea esta campaña no seu estadio co segundo derbi da tempada, ante o Rápido de Bouzas.
Os granates contan as horas para recibir este sábado (20:30 da tarde) ao conxunto vigués, debutante na categoría e cun plantel e orzamento humilde pero que xa acumula tres puntos no seu haber tras vencer ao Guijuelo na primeira xornada de liga.
Por contra os de Luisito queren esquecer canto ante a derrota de Barreiro ante o Celta B e coller ritmo nunha competición que se presupón máis igualada que nunca no Grupo I da Segunda B.
O técnico de Teo convocou a todos os futbolistas do primeiro equipo para o choque, e realizará varios descartes o mesmo sábado. En todo caso o que segue no aire é a participación tanto de Adrián León como de Álex González, ambos os dous con problemas musculares ao longo da semana.
Non estará tampouco no banco de Pasarón Luisito, que cumprirá o seu segundo e último partido de sanción pola expulsión sufrida no play-off de ascenso en Murcia.
Pola súa banda o Rápido de Bouzas adestrado por Borja Jiménez chega á Boa Vila con tres ex-granates nas súas filas como Adrián Gómez, Pedro García e Pablo Carnero e coa ilusión de dar a sorpresa. O técnico do conxunto vigués non poderá contar para a cita con Yago Pérez, sancionado, e tampouco coa recente fichaxe do club, o mozo peruano Claudio García, debido a problemas coa tramitación da ficha.
O colexiado do encontro será o asturiano Carlos Fernández Buergo.