O Ravachol Pontevedra inicia esta fin de semana a segunda volta da competición cun duelo de altura. Os pontevedreses reciben ao líder invicto, IES La Orden. E farano no exilio porque a indispoñibilidade de espazos na capital obriga ao Ravachol a desprazarse á Estrada, onde disputará o seu partido o domingo a partir das 11.30 horas.
O rival, con figuras da talla do invicto Pablo Abian ou a campioa do mundo Telma Santos, é o principal favorito a facerse coa vitoria. Con todo, o Ravachol Pontevedra poñerá todo o seu empeño para tentar dar a sorpresa. "Necesitamos os tres puntos, pero somos conscientes do nivel do rival, asi que o obxectivo é competir cada partido e, por que non, dar a sorpresa. Doutra banda, estamos moi contentos de xogar na Estrada, que é o lugar onde se orixinou este proxecto e o pobo natal de varios dos integrantes do equipo. Imos facer desta xornada toda unha festa do bádminton", declarou o director deportivo da entidade, Jesús Pereiro.
Actualmente o Ravachol Pontevedra ocupa a quinta posición do grupo, con 3 puntos, empatado co CB Benalmádena, que se enfrontará ao CB Arjonilla nesta xornada. O IES A Orde é o líder invicto, con 12 puntos.