Un estudo elaborado pola Universidade de Vigo revela que o rendemento físico dos futbolistas da liga española diminúe case un 2% en cada ano que cumpren, o que lle leva a percorrer cada vez menos distancias no campo.
Esa de as principais conclusións do traballo que elaboraron os investigadores Ezequiel Rey, Miguel Lorenzo e Carlos Lago, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra, que analizaron a un total de 154 xogadores nas últimas oito tempadas.
Este estudo, que se levou a cabo coa colaboración da liga de Fútbol Profesional (LFP), permitiu demostrar que o número de accións que os xogadores realizan durante un partido “a alta intensidade”, diminúe un 1,42% cada ano que pasa, informa a Universidade de Vigo.
No transcurso dunhas dez tempadas, "estariamos a falar de que un xogador perde preto dun 20% dunha capacidade decisiva", subliña Ezequiel Rey.
A idade fai que empeoren o seu rendemento físico segundo van cumprindo anos, pero pola contra melloran as súas prestacións técnico-tácticas, xa que a porcentaxe de pases que realizan con éxito aumenta un 0,25% cada tempada.
Isto demostra, segundo Carlos Lago, "que canto máis anos ten un xogador, máis domina e entende o xogo", o que explica, engade Miguel Lorenzo que "haxa futbolistas con traxectorias moi longas", que conseguen seguir xogando a idades moi avanzadas.
Esta é a primeira investigación de carácter lonxitudinal sobre os efectos da idade no fútbol de elite, comparando o comportamento dun mesmo xogador en diferentes tempadas.
Os seus resultados recóllense nun artigo publicado no "Journal of Science and Medicine in Sport," unha das principais revistas científicas da área das ciencias do deporte, que os docentes asinan xunto con Roberto López e Ricardo Lesta, da área de investigación da liga.
Partindo dos datos da liga, o estudo abarcou un total de 14.092 observacións individuais dun total de 154 xogadores que competiron na primeira división española entre as tempadas 2012-2013 e 2019-2020.
Os futbolistas analizados son "xogadores de máximo nivel", o que fai presupoñer que ese descenso no rendemento físico podería ser "aínda máis drástico" naqueles que pasan a competir nunha competición inferior, segundo os autores do estudo.
Aínda que se dá en todas posicións, esta investigación permitiu constatar que este efecto da idade no rendemento físico é maior nos laterais, extremos e, especialmente nos dianteiros, que nos defensas centrais e centrocampistas.
Estas conclusións, sentenza Carlos Lago, "permiten entender en que postos pode ser interesante manter futbolistas veteranos e en cales sería mellor asinar xogadores novos".
Así, aclara que naqueles xogadores que "constrúen o xogo", como centrocampistas ou mediocentros, "a idade non é un impedimento xa que interesan xogadores que dominen o xogo", mentres que nos postos que teñen maior demanda física, como laterais e interiores, "é máis difícil descubrir xogadores de máis de 30 anos que manteñan un rendemento moi alto".