A Senra acollía un partido entre necesitados. O Ribadumia, que sumaba seis xornadas sen gañar, impúxose a un Céltiga que desta forma eleva a cinco o número de xornadas consecutivas saíndo derrotado. Un gol de Fran Fandiño mediada a segunda parte deu o triunfo aos de Sierra, que se sacan o peso de encima e superan un partido complicado polas baixas, incrementadas pola lesión sufrida por Miguel Vázquez aos 25 minutos.
Puido gañar calquera. Ambos os equipos estrelaron un remate na madeira, e de feito o gol local chegou cando mellor estaban os branquivermellos da Illa.
A primeira parte foi de pouco fútbol e moitos erros, cun Ribadumia que tentaba dominar o balón, fronte ao fútbol directo que poñía en práctica o Céltiga. Os de Sierra tiveron a súa mellor ocasión nun lanzamento de falta a cargo de Anxo que se foi ao traveseiro.
Tras o descanso o Céltiga mellorou e puido adiantarse, pero Ramón mandou o seu remate de cabeza ao traveseiro, ata que un roubo de balón permitiu a Gabi entragar a Fran Fandiño, para que batese por raso a Marcos Bermúdez, facendo que os puntos quedasen na casa.
Consulta aquí o acta do Ribadumia-Céltiga.
Igualdade absoluta en San Pedro entre Villalonga e Silva. Os de Antonio seguen cos seus problemas para pechar os partidos como locais e de novo deixaron escapar dous puntos tras adiantarse no marcador.
Tras unha primeira parte con escasas ocasións, o Villalonga adiantábase aos 59 minutos por medio de Adrián Santos, pero os coruñeses non baixaron os brazos e lograron empatar no minuto 78, cun gol de Movilla.
Consulta aquí o acta do partido Villalonga-Silva.