O Ribadumia, preparado para vivir "un partido histórico" en Pasarón

Pontevedra
03 de febreiro 2015

O club pon a disposición dos seus afeccionados autocares de balde para viaxar a Pontevedra e invita a toda a súa base a presenciar o encontro. No deportivo Sidibé é baixa por sanción e Pacheco dúbida por problemas musculares. No Pontevedra Kevin non estará por lesión e Adrián por ver o seu quinto cartón

Unha xogada do partido entre Ribadumia e Pontevedra na Senra
Unha xogada do partido entre Ribadumia e Pontevedra na Senra / Diego Torrado

Como un día de festa formula o Club Deportivo Ribadumia o seu partido do próximo domingo ante o Pontevedra no Estadio Municipal de Pasarón (17:00 horas).

Nunca antes xogara en liga no estadio lerezano, polo que están "intentando mobilizar aos afeccionados porque creo que é un partido histórico", recoñece o seu vicepresidente, Manuel Mougán.

Por ese motivo o Ribadumia decidiu poñer a disposición dos seus seguidores autocares de balde para desprazarse a Pontevedra, sendo necesario anotarse nas oficinas do club de 17:00 a 22:00 horas ou chamando o 986 710 714.

Ademais a entidade aurinegra decidiu invitar a todos os seus equipos de base ao encontro, preto de 120 futbolistas, custeando o seu desprazamento e tamén as entradas.

Precisamente a decisión de subir o prezo das entradas espertou críticas na afección do Ribadumia, aínda que dende o club prefiren non valorar este aspecto.

O Pontevedra fixou as entradas en 15, 10 e 8 euros

O Pontevedra fixou estas en 15, 10 e 8 euros respectivamente para as bancadas de Tribuna, Preferencia e fondos, en lugar dos 12, 8 e 6 euros habituais. ÿ a segunda vez que se produce este incremento esta tempada, sendo o precedente o choque ante o Arosa.

DÿBIDAS E BAIXAS EN AMBOS OS DOUS EQUIPOS

No plano meramente deportivo os dous equipos deberán sobrepoñerse a baixas de xogadores habituais nos onces de Luisito e Gabi Leis.

Por sanción, ao ter visto o seu quinto cartón amarelo, serán baixa Sidibé no Ribadumia e Adrián Goméz no Pontevedra, aínda que ambos os dous clubs enviaron alegacións á Xuíza ÿnica de competición para intentar evitar o castigo, no caso do xogador granate intentando demostrar que non foi el o que cometeu a falta que lle custou a amoestación en Abegondo.

A principal dúbida nos aurinegros é Pacheco tras sufrir unha picada nos isquitibiales ante o Cerceda. Este mércores realizaráselle unha ecografía para coñecer o alcance da lesión, pero se se confirma que padece unha rotura fibrilar será baixa polo menos tres semanas.

Pola súa banda, ademais da baixa de Capi, no Pontevedra preocupa o estado de Kevin Presa tras retirarse lesionado o pasado sábado. O futbolista resentiuse dos problemas que arrastraba no xeonllo, polo que será sometido a probas médicas ante o temor de que poida sufrir unha lesión de gravidade.