Dous equipos dos que se esperaba máis antes do comezo ligueiro, Racing Villalbés e Ribadumia, repartiron puntos na Magdalena nun resultado que sabe mellor aos de Sierra, que toman aire e saen dos postos de descenso.
Igualdade e precaucións. Ningún quixo arriscar máis do imprescindible e a consecuencia foi unha xusta repartición de puntos, cunha primeira parte máis movida, mentres na segunda ambos os conxuntos especularon coa necesidade do rival, buscando unha contra que non chegou para inclinar a balanza.
Changui adiantaba pronto ao Ribadumia (minuto 23), pero o conxunto de Óscar Gilsanz lograba neutralizar a renda antes do descanso, cun tanto conseguido por Iago Blanco (minuto 36).
Na segunda parte houbo ocasións para ambos os equipos, pero sen demasiada claridade, impoñéndose as defensas sobre os respectivos ataques.