O rugby pontevedrés deixa atrás o seu ano 'horribilis'

Pontevedra
25 de outubro 2021

Despois dunha tempada sen case competir, a excepción dalgúns equipos, o Pontevedra Rugby Club participou a fin de semana na primeira xornada das ligas galegas. O Mareantes pola súa banda non debutará ata a próxima fin de semana

Partido entre Pontevedra Rugby Club e Barbanza RC
Partido entre Pontevedra Rugby Club e Barbanza RC / Cristina Saiz

Foi un ano moi longo, pero a espera concluíu para o rugby pontevedrés co inicio de tempada nas ligas galegas.

A pasada campaña só o equipo sénior feminino do Pontevedra Rugby Club (PRC) saíu a competir na División de Honra B, pero poucos equipos máis da entidade o fixeron, así como tampouco o Mareantes.

Agora, coa situación sanitaria máis controlada, o PRC volveu á actividade plena cunha vibrante xornada disputada o pasado sábado no campo de Monte Porreiro. Primeiro cun claro triunfo da súa formación sub-16 contra o Campus Ourense (52-10) e despois cunha vitoria esmagadora do sénior masculino fronte a un mermado Barbanza RC (109-3).

Os resultados acompañaron, aínda que case era o de menos. O importante era poder volver gozar da festa do rugby, unha festa á que se sumará o 31 de outubro o Mareantes co seu primeiro partido de liga recibindo o Universidade de Vigo.

A xornada completouna a domicilio o equipo absoluto feminino do Pontevedra Rugby Club, na súa estrea na liga Galega con derrota por 41-5 na cancha do Santiago RC.