O Running Rías Baixas chega a Moraña o 20 de xullo coa Carreira popular do Carneiro ao Espeto

Umia
10 de xullo 2014

A inscrición para participar nesta carreira popular é gratuita e poderá facerse a través da web da Deputación ou no propio concello de Moraña

Presentación da Carreira popular do Carneiro ao Espeto, en Moraña
Presentación da Carreira popular do Carneiro ao Espeto, en Moraña / Deputación de Pontevedra

O Running Rías Baixas chega á súa segunda cita. Trala estrea que supuxo a Eurocidade 10 de Tui, que uniu á localidade galega coa cidade veciña de Valença, Moraña acollerá o vindeiro 20 de xullo a Carreira popular do Carneiro ao Espeto, que coincidirá coa popular festa gastronómica. A proba foi presentada este mércores pola alcaldesa da vila, Luisa Piñeiro, e a responsable de Deportes na Deputación de Pontevedra, Begoña Estévez

No acto participaron tamén os atletas Anxo Graña, Juan Romero, Solange Pereira (madriña das probas) e Víctor Riobó que colaboran na organización da proba, así como representantes do Club de Atletismo de Moraña. A carreira vai dirixida a persoas con hábitos deportivos e ten un percorrido de 8 quilómetros.

Begoña Estévez explicou que este evento deportivo forma parte do programa da Deputación de Pontevedra denominado Running Rías Baixas, que se completa cunha terceira carreira, o XLI Trofeo Pedestrismo Concello de Cangas o día 7 de decembro, cunha proba de 10 quilómetros que chegará ata Aldán.

A iniciativa enmarcase na creación dun circuíto de carreiras populares no que a clasificación non se fai de forma individual para cada unha, senón que se establece un sistema no que se terá en conta a participación e o resultado das tres probas. Será o mesmo formato que se usa para as clasificacións xerais dunha volta ciclista, sumando os tempos de cada unha das probas.

A inscrición para participar nesta carreira popular é gratuita e poderá facerse a través da web da Deputación ou no propio concello de Moraña.

Fóra deste circuito, aínda que estaba integrado nel nun primeiro momento, queda o medio maratón entre O Grove e Cambados, percorrendo a costa da ría de Arousa. Impulsada tamén pola Deputación, celebrarase previsiblemente a finais de setembro, pero de forma individual ás outras tres carreiras.