O Santiago Futsal apea o Leis da Copa do Rei (2-6)

Pontevedra
19 de novembro 2020

Os visitantes sentenciaron o encontro nunha primeira metade na que anotaron catro tantos. O Leis reaccionou no segundo tempo anotando dous goles e xerando innumerables ocasións, pero os visitantes aproveitaron dous contragolpes para ampliar a súa goleada

Partido de Copa do Rei de fútbol sala entre o Leis Pontevedra e o Santiago Futsal
Partido de Copa do Rei de fútbol sala entre o Leis Pontevedra e o Santiago Futsal / Santiago Futsal

O Santiago Futsal pechou a súa clasificación á seguinte rolda da Copa do Rei despois de eliminar este mércores ao Leis Pontevedra nun partido correspondente á terceira rolda desta competición que se disputou no pavillón de Marcón. 

Os visitantes, que militan na categoría de prata do fútbol sala nacional, adiantáronse pronto no marcador por medio dun potente disparo de Brian Niebla. Porto encargouse, por partida dobre, de ampliar a renda e deixar a eliminatoria xa sentenciada no primeiro tempo. Pero a cousa non ía quedar aí, e antes de pasar polos vestiarios, os santiagueses ían poñer o 0-4 no marcador grazas a un tanto de Cristian.

O Leis non se veu abaixo e na segunda parte seguiu traballando para, polo menos, maquillar o resultado. O primeiro tanto do cadro pontevedrés chegou despois de diversas aproximacións á meta rival que o porteiro Brais logrou desbaratar con acerto.

Quedou cun menos o Santiago Futsal e o Leis aproveitou para incrementar a súa presión coa ilusión de volver meterse no partido pero non logrou reducir diferenzas. Foron os visitantes os que aproveitaron a insistencia ofensiva dos pontevedreses para ampliar a súa distancia. Matos foi o autor do quinto e sexto da noite despois de recuperar a igualdade numérica.

Sen baixar os brazos e xa preto do asubío final, o Leis anotou un novo tanto para deixar o marcado no definitivo 2-6 que supón a eliminación do equipo pontevedrés do torneo copeiro para centrar agora todos os seus esforzos na liga.