Última xornada da primeira fase da competición para o Poio Pescamar, recuperando o último dos encontros aprazados no seu día e tentando esquecer os seus dous últimos tropezos.
O conxunto conserveiro ten a tiro a segunda praza, que recuperaría en caso de vencer este sábado (19.30 horas) ao xa campión de grupo, o Futsi Atlético Navalcarnero, no Pavillón da Seca.
Recuperar o segundo chanzo pode ser anecdótico, coas vermellas clasificadas para a fase polo título, pero non así os puntos en xogo, e é que gañar supoñería un gran impulso para as de Manu Cossío encamiñando o obxectivo de meterse no play-off.
Con 35 puntos, o Poio Pescamar podería chegar á segunda fase con 38, só superado polo propio Futsi e posiblemente por Burela tanto en coeficiente como en puntos se vence algún dos seus aprazados.
Cabe lembrar que a segunda fase compoñerana os catro primeiros clasificados de cada grupo, oito en total, arrastrando puntos e enfrontándose nunha liguiña só aos equipos do grupo contrario. De aí os catro mellores accederán ao play-off polo título, nunha final a 4 a partido único e na mesma sede.
En canto ao rival deste sábado, será unha dura proba para o equipo conserveiro, xa que o Futsi mantense imbatido esta tempada, e só cedeu dous empates no que vai de liga, ambos #ante o Roldán.