O squash sae á rúa en Pontevedra

Pontevedra
18 de setembro 2018

Aproveitando a celebración na cidade do Campionato de España de Seleccións Autonómicas, a Federación Galega de Squash desenvolverá varias actividades de promoción do seu deporte en centros educativos e tamén na Avenida Montero Ríos, contando esta última coa presenza do campión europeo Borja Golán

Carlos Noya, Anxos Riveiro e Miguel Novegil presentan as actividades de promoción do squash Mónica Patxot

Aproveitando a celebración na cidade do Campionato de España de Seleccións Autonómicas, que terá lugar en Pontevedra entre o venres 21 e o domingo 23 de setembro, a Federación Galega de Squash desenvolverá varias actividades de promoción do seu deporte na cidade.

Estas actividades desenvolveranse en cinco centros educativos e tamén na Avenida Montero Ríos, contando este último evento coa presenza do campión europeo, o santiagués Borja Golán, ou con deportistas do Squash Pontevedra como Pablo Quintana, internacional con España e campión nacional en categorías inferiores.

A Federación instalará nos colexios primeiro, empezando polo San José este mércores, unhas pistas portátiles coas que achegar o seu deporte aos nenos e nenas da cidade. "Se les invitará también a que el fin de semana conozcan con monitores las pistas profesionales", explicou Carlos Noya, presidente da Federación Galega, acompañado da concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, e do presidente do Squash Pontevedra, Miguel Novegil.

Esta promoción chegará a partir do venres, data de inicio do campionato nacional, á Avenida Montero Ríos, onde acudirán en xornada de tarde xogadores como  Golán ou Quintana para practicar cos nenos e nenas que se acheguen a probar esta disciplina.

As pistas estarán ademais dispoñibles para "todos los ciudadanos" durante a mañá do sábado.