O Supermercados Froiz segue abonado ao podio. A escuadra alimenticia pechou este domingo a súa participación na Volta ao Futuro cun terceiro posto na clasificación xeral por equipos.
Na última etapa da carreira, unha proba de alta montaña e de 122 quilómetros, o vencedor foi Carlos Salgueiro que aproveitou a fragmentación do pelotón para escaparse en solitario. Aínda así, o equipo pontevedrés soubo arroupar a Guillermo García para conservar o seu cuarto posto na xeral na que finalmente puido concluír a carreira.
Na clasificación individual, o gañador foi Emanuel Duarte, que avantaxou en dous minutos ao mellor corredor do Supermercados Froiz.
"Os máis novos deron un moi bo rendemento, estamos satisfeitos co traballo feito", afirman desde o grupo deportivo.