O TAD pecha definitivamente o caso de suposto amaño no ascenso do Poio Artai

Poio
18 de setembro 2014

O Tribunal Adminitrativo do Deporte (TAD) rexeita o recurso do Balonmano Oviedo, como xa fixeran o Comité de Competición e o de Apelación da Federación Española de Balonmano. O expediente dáse por pechado a poucos días do debut do Poio na Primeira Nacional

Xogadores do Balonmán Poio Artai nun dos partidos da tempada 13/14
Xogadores do Balonmán Poio Artai nun dos partidos da tempada 13/14

O Tribunal Administrativo do Deporte (TAD), dependente do Consello Superior de Deportes, desestimou o recurso do Balonmano Oviedo en relación ao partido entre Ursubil e Poio Artai, que supuxo o ascenso dos de Poio a Primeira Nacional e desencadeou a protesta do conxunto ovetense polo que considereban un amaño.

Aquel partido concluíra con empate a 22 despois dun tanto sobre a bucina do Poio que lle outorgaba o ascenso, dando paso case de inmediato a un proceso de reclamación que pasou polo Comité de Competición e tamén de Apelación da Federación Española de Balonmán.

Ambos os dous comités, como agora o TAD, rexeitaron o recurso, dando validez ao resultado e consecuente ascenso dos galegos.

A resolución do TAD considera que existen "indicios" que poderían dar veracidade ao que afirma o Oviedo, pero sinala que "no marco dunha decisión disciplinaria deportiva con consecuencias relevantes non resulta suficiente cun relato de indicios, senón que esixe unha maior carga de proba".

Ante esta resolución non cabe máis recurso en institucións deportivas, quedando só a vía contencioso adminitrativa, pero segundo declarou o presidente do club asturiano nunha información de Andrés García no Diario Marca non existe intención de acudir á xustiza ordinaria.

Dáse así carpetazo definitivo ao expediente a só uns días de que o Poio Artai debute na Primeira Nacional. Farao cun encontro na casa o próximo sábado (18:30 horas) ante o Calvo Xiria de Carballo.

Pola súa banda o Balonmano Oviedo participará tamén na categoría de bronce do balonmán español tras aceptar en verán o ofrecemento realizado pola Federación Española.