O Taekanart recibe a máis de 300 deportistas para o Open Cidade do Lérez

Pontevedra
01 de xuño 2019

A competición, que este ano chega á súa oitava edición, conta para a definición do ránking galego con vistas á formación das seleccións que irán ao Nacional

Maís de 300 deportistas no Open de Taekwondo do Príncipe Felipe. Diego Torrado

Máis de 300 deportistas (316) de 23 clubs procedentes de diferentes lugares de Galicia participaron este sábado no Open Cidade do Lérez. A cita organizada polo Taekanart cumpriu este ano a súa oitava edición. Os resultados do evento contan para a definición da clasificación galega, que decidirá a formación das diferentes seleccións galegas, que participarán nos campionatos de España.

A actividade comezou xa de mañá. Ao redor das 9:00 horas, os taekwondistas, neste caso de categorías absoluta, cadete e infantil, xa ocupaban os seus lugares nas seis pistas dispostas no pavillón do Príncipe Felipe.

Despois de comer, a partir das 16:00 horas, foi a quenda dos cruces entre deportistas alevíns e juniors. Ademais, a competición contou cos medios electrónicos actuais (cascos, petos e vídeo-replay), que favoreceron o bo desenvolvemento da xornada.