O Teucro, a augar as festas patronais de Guadalaxara

Pontevedra
13 de setembro 2018

Os azuis afrontan o seu primeiro desprazamento do curso na Liga Asobal visitando este venres (20:30 horas) Guadalaxara en plenas festas patronais da cidade. Luís Montes conta con todo o plantel dispoñible

Adestramento do Teucro 2018/2019
Adestramento do Teucro 2018/2019 / Mónica Patxot

O primeiro desprazamento da tempada para a Sociedad Deportiva Teucro, tras o empate da primeira xornada en casa ante o Sinfín, terá como escenario este venres (20:30 horas) unha cidade de Guadalaxara en plenas festas patronais.

Os azuis queren augar as celebracións rabuñando algún punto dunha pista "muy difícil" e ante un equipo con "una gran plantilla", recoñece Luís Montes, pero que o pasado ano tivo no Teucro a unha particular besta negra na Liga Asobal, perdendo en Pontevedra e empatando na localidade manchega.

"Debemos gestionar la gestión de los malos momentos", explica o técnico pontevedrés, centrados especialmente no inicio do choque, pero faino desde a visión dun plantel que convencido de que "somos capaces de competir contra cualquiera", segundo verbaliza un dos seus veteranos, Dani Hernández.

A expedición teucrista fará noite este xoves en Alcalá de Henares sen ter que lamentar baixas por lesión na convocatoria.

Pola súa banda, o Guadalajara chega á cita tras caer na xornada inicial ante o Granollers e coas ausencias do central Víctor Montoya e do lateral Bozalongo, ambos os dous lesionados de longa duración.

O encontro será arbitrado polos castelán-leoneses Colmenero Guillén e Rollán Martín.