O Teucro abona unha multa por atrasarse no pagamento de dúas arbitraxes

Pontevedra
12 de novembro 2019

O Comité de Competición sancionou ao club pontevedrés por retrasarse máis de 48 horas no pago aos colexiados do derbi ante o Cisne e do encontro de Primeira Nacional contra o Lanzarote, unha decisión que sorprendeu aos directivos teucristas

Partido de liga entre Teucro e Cisne no Pavillón Municipal
Partido de liga entre Teucro e Cisne no Pavillón Municipal / Diego Torrado

O atraso no pago de arbitraxes puxo nun aperto á Sociedad Deportiva Teucro, que foi sancionada pola Real Federación Española de Balonmán.

Así se recolle na última resolución do Comité de Competición, no que se sanciona ao club pontevedrés con 484 euros de multa por non abonar as cantidades correspondentes aos colexiados de tres dos seus partidos antes das 48 horas de prazo (días hábiles) establecidas no regulamento.

Esta decisión caeu de forma inesperada sobre a entidade teucrista. "Para nuestra sorpresa se nos sancionó", recoñeceu a PontevedraViva o presidente en funcións, Carlos García-Alén, sen que existise advertencia previa e por cantidades máis grandes das que correspondían, explica.

Así, na resolución o Comité de Competición reclama ao Teucro 2.904 euros correspondentes a dous partidos da División de Honra Prata, ante Sarrià e o derbi contra o Cisne (920 euros cada un), e o duelo do filial de Primeira Nacional contra o Lanzarote (580 euros), máis a citada sanción (20% da cantidade reclamada). Con todo "un arbitraje estaba pagado ya", sinalou García-Alén en relación o choquedo Sarrià.

Recoñecida esta situación, a débeda quedou finalmente en 1.984 euros a pagar nun prazo máximo de tres días hábiles que concluía este luns, aínda que a Federación Española tiña previsto descontar de aquí o diñeiro que debía pagar ao Teucro como compensación pola participación do seu xogador Guillermo  Fischer no último Mundial. 

Cumprido co trámite a entidade pontevedresa evita problemas maiores, que poderían terminar na suspensión do seu próximo partido como local (Teucro-Barcelona B) e a perda do mesmo por 0-10.