O Teucro amplía por un curso máis o contrato de Álex Pereiro

Pontevedra
05 de agosto 2021

A polivalencia, marxe de mellora e adaptación demostrada polo xogador na súa primeira tempada como teucrista convenceron á xunta xestora para ofrecerlle a ampliación do contrato

Partido entre o Teucro e o Ikasa Madrid no Pavillón Municipal Cristina Saiz

O Teucro e Álex Pereiro prolongan un ano máis o seu contrato. A Xunta Xestora do equipo pontevedrés, seguindo os consellos da adestradora Irene Vilaboa, chegou a un acordo para manter á primeira fichaxe do 2021, baixo a disciplina azul.

Trátase dun xogador polivalente na primeira liña, rápido e áxil nas transicións e cunha ampla marxe de crecemento pola súa mocidade. No seu primeiro ano como teucrista soubo adaptarse rapidamente ao modelo de xogo e ao vestiario, polo que no club están seguros de que o seu protagonismo será aínda maior na tempada vindeira. 

"Síntome moi cómodo no Teucro e por iso non tiven dúbidas á hora de renovar. Teño moitas ganas de empezar e volver xogar no Municipal cheo de xente. O obxectivo como equipo debe ser competir todos os partidos e converternos nun equipo difícil de gañar para calquera rival. A nivel individual espero seguir crecendo como xogador e asentarme definitivamente na categoría", dixo o xogador despois de asinar o seu novo contrato.