O Teucro aposta polo pivote Nemanja Bojicic para a súa nova etapa en Honra Prata

Pontevedra
14 de xuño 2019

O pivote serbio de 26 anos, que vén de xogar no Palma del Río durante a tempada 2018/19, é o quinto fichaje do club pontevedrés

Nemanja Bojicic coa camiseta do Palma del Río
Nemanja Bojicic coa camiseta do Palma del Río / SD Teucro

A Sociedade Deportiva Teucro continúa coa renovación de case a totalidade da plantilla do primeiro equipo. O serbio Nemanja Bojicic convértese, así, na quinta fichaxe do club para a próxima tempada en Honra Prata.

O pivote de 26 anos chega a Pontevedra despois de menos dun ano formando parte das filas do Palma del Río. Deixou de vestir a devandita camiseta o pasado mes de decembro, momento no que chegou a un acordo co club palmeño pola situación económica que atravesaba o mesmo.

"Tamén traballou co Villa de Aranda, tanto en Asobal como en Prata, así que estamos moi contentos coa súa incorporación", confesa Luís Montes, técnico pontevedrés.

Bojicic "cumpre á perfección o perfil que estabamos a buscar, xa que é un xogador grande, moi bo defensor que, ademais, tamén pode correr ben as transicións e facer o seu en ataque", explica Montes. 

O novo xogador teucrista tamén acumula experiencia no seu país natal, onde, ademais, foi internacional en categorías inferiores, e na liga turca. A pesar diso, Luís Montes asegura que "valoramos moito o seu paso ata a data por España, é un xogador adaptado ao noso balonmán e seguro que será importante para nós", concluíu.