O Teucro cae en Valladolid nun bo partido (31-29) pero ve máis preto a permanencia

Pontevedra
14 de abril 2018

A pesar de caer en Valladolid, o Teucro ten un pouco máis preto a permanencia matemática en liga Asobal, grazas ás derrotas de Zamora e Puerto Sagunto, que lle permiten manter unha vantaxe de seis puntos sobre as prazas de descenso cando quedan unicamente oito por disputar

Partido entre Teucro e Atlético Valladolid no Municipal
Partido entre Teucro e Atlético Valladolid no Municipal / Diego Torrado

A pesar de caer en Valladolid, o Teucro ten un pouco máis preto a permanencia matemática en liga Asobal, grazas ás derrotas de Zamora e Puerto Sagunto, que lle permiten manter unha vantaxe de seis puntos sobre as prazas de descenso cando quedan unicamente oito por disputar. 

Fronte a Recoletas Valladolid, o Teucro acariñou esa salvación matemática, dominando no marcador durante boa parte dun partido igualado, que se decidiu moi ao final por pequenos detalles como a efectividade dos xogadores valisoletanos Serdio desde o pivote e César Pérez na portería.

Con dúas boas defensas e poucos erros, Víctor Rodríguez, nos locais, e Yoán Balázquez, no cadro azul, marcaban as primeiras diferenzas dun primeiro tempo presidido pola igualdade, no que o Teucro conseguiu dous goles de renda ao descanso (12-14), mercé á efectividade do lateral cubano e de Carlos García desde a liña de sete metros.

Á volta de vestiarios, os galegos ampliaban a súa vantaxe a tres (12-15), pero Valladolid espertou e foi reducindo ata empatar primeiro (21-21) e tomar a dianteira pouco máis tarde (24-22).

Tocáballe reaccionar ao Teucro e fíxoo, demostrando que quería levar algo positivo. Deste xeito aumentando a presión defensiva, coa achega de Javi Santana na portería, púxose de novo por diante (26-27).

O Teucro mantívose por diante ata o últimos cinco minutos, cando os colexiados sinaláronlle pasos a Dani Hernández e Serdio empatou para os locais (28-28)

Iglesias non puido superar a César Pérez, o que aproveitou Valladolid para adiantarse, aínda que Carlos García, de penalti devolvía a igualdade ao marcador (29-29). De novo Serdio marcaba a falta de pouco máis dun minuto. Nese tempo César Pérez parou os lanzamentos de Iglsias e Iván Fernández, que puideron significar o empate, para que de outra vez Serdio elevase o definitivo 31-29 ao marcador, nos últimos segundos.

ATLÉTICO VALLADOLID (31): Javi Díaz (César Pérez, p.s.); Adrián Fernández (5), Río (4), Serdio (6), Serrano (3), Miguel Camino (1), Víctor Rodríguez (5), Fernando Hernández (3 p), Garza (1), Nico López, Diego Camino (2 p), Turrado, Héctor González e Viscovich (1).

SD TEUCRO (29): García Lloria (Javi Santana, p.s.); Johnny Medina, Borja Méndez (4), Yoán Balázquez (7), De Castro, Dani Hernández (4, 1 p), Iglesias (2), Samu Gómez (1), Carlos García (6, 5  p), Iván Fernández (1) e Moyano (4).

Árbitros: Goyo Muro San José (Madrid) e José Manuel Iniesta Castillo (Valencia). Excluíron dous minutos a Turrado, Garza e Adrián Fernández no Valladolid, e a De Castro (2) e Yoán Balázquez, no Teucro.

Marcador cada cinco minutos: 3-1, 5-5, 7-7, 10-9, 11-11 e 12-14 (descanso), 15-17, 19-20, 23-22, 26-24, 27-28 e 31-29 (final).

Incidencias: Polideportivo Huerta del Rey (Valladolid). Uns 1.700 espectadores.