O Teucro estrélase co Zamora e regresa de vacío (29-25)

Pontevedra
24 de abril 2021

A Sociedad Deportiva Teucro buscaba a súa segunda vitoria da fase pola permanencia en División Honra Prata, pero estreláronse co muro defensivo dun Zamora que sentenciou nos últimos minutos do primeiro acto. Buscou a reacción o equipo de Irene Vilaboa, consciente de que cada partido a partir de agora é unha final, pero a vitoria local estaba encarrilada e non tiveron máis opcións que reducir distancias por momentos 

Partido entre o Teucro e o Zamora no Pavillón Municipal
Partido entre o Teucro e o Zamora no Pavillón Municipal / Cristina Saiz

A Sociedad Deportiva Teucro buscaba a súa segunda vitoria da fase pola permanencia en División Honra Prata, pero estreláronse co muro defensivo dun Zamora que sentenciou nos últimos minutos do primeiro acto. Buscou a reacción o equipo de Irene Vilaboa, consciente de que cada partido a partir de agora é unha final, pero a vitoria local estaba encarrilada e non tiveron máis opcións que reducir distancias por momentos.

Comezou o partido cheo de imprecisións para ambos os conxuntos. Ningún era capaz de abrir a lata, nin o Teucro cando quedaba en superioridade numérica pola exclusión de Fernando Ruiz.

Non foi ata pasados os catro minutos cando chegaron os goles. Endosou dous seguidos o Zamora, facéndose cun pequeno colchón ante os erros nos lanzamentos teucristas. Tardou sete e medio en marcar Caue Herrera, dando paso a un intercambio de goles para os dous equipos (4-2).

Ampliaron a renda os locais nun contragolpe que pillou desprevido a un Teucro que se salvaba dunha goleda maior grazas á gran actuación de Fede Wermbter. Parou o cronómetro Irene Vilaboa aos 13 minutos ante a pasividade dos seus en ataque, que se estrelaban cun Zamora que fixera un muro defensivo (8-4).

Deu coa tecla a pontevedresa. Caue Herrera e Roi Sierra atoparon espazos para reducir distancias en ata tres goles ( min. 20, 10-7), pero os locais non baixaron os brazos, senón que pisaron o acelerador para poñer en apertos a un Teucro necesitado.

Quedaban 2 minutos para o descanso e o Zamora noqueó aos da cidade do Lérez con tres ataques consecutivos que colocaron o marcador nun 17-11 complicado de remontar.

Agrandou a vantaxe o equipo local tras o paso polos vestiarios, encarrilando a vitoria e obrigando a Irene Vilaboa a pedir tempo morto aos 11 minutos (25-17). Moi mal tíñanselle que dar as cousas aos castelán-leoneses para ceder os dous puntos no que restaba de encontro.

Os seguintes instantes foron un continuo intercambio de goles, que se mantivo ata o minuto 22, cando o Teucro rexurdiu para anotar un parcial de 0-3 que os colocaba a catro goles do empate (min. 24, 28-24). Pediu pausa Valdés e axustou aos seus, fortalecendo a defensa para impedir outro tanto teucrista.

Anotou Zamora e responderon os azuis, pero non quedaba tempo para máis e os dous puntos quedaron en Castela.

Consulta as estatísticas do Zamora-Teucro