O Teucro, pendente unha vez máis da enfermería ante a visita do Granollers

Pontevedra
08 de marzo 2019

Gehrhardt, Rial e Moyano están entre algodóns, mentres que Santana está recuperado. Estas dúbidas, unidas ás baixas dos lesionados Iván Fernández, Cangiani e Quintas obrigan a Luís Montes a convocar por segunda xornada consecutiva a cinco xogadores do filial

Adestramento do Teucro no Municipal
Adestramento do Teucro no Municipal / Mónica Patxot

Con só un terzo de tempada por diante, a Sociedad Deportiva Teucro non se pode permitir renunciar á posibilidade de puntuar en ningunha xornada, por moi complicado que sexa o rival e importantes os obstáculos en forma de lesión. É o caso do encontro que os azuis disputarán este sábado (18:30 horas) no Pavillón Municipal dos Deportes ante o Granollers, equipo que xoga competición europea e que marcha quinto na Liga Asobal.

"No renunciamos en absoluto, pero tenemos que reencontrar sensaciones y volver a un buen nivel defensivo", asegura Luís Montes querendo esquecer canto antes a dura derrota en León.

Con todo a enfermería volve ser protagonista unha semana máis nos pontevedreses, que convocarán de novo a cinco xogadores que comezaron o curso no filial: Sergio Pérez, Domingo Luís, Samuel Pereiro ademais de Diego Prada e Alberto Garrido.

Isto débese ás lesións de Cangiani, Quintas e Iván Fernández, este último aínda cun par de semanas de convalecencia por diante, e as dúbidas de Gehrhardt, Rial e Moyano. Os dous primeiros non puideron adestrar nos últimos días, mentres que parece máis probable a presenza na pista do lateral arxentino.

O que si se recuperou é Javier Santana, que acompañará na portería a Lloria tras non poder participar ante o Ademar a pesar de viaxar co equipo.

"La derrota en León fue muy dura pero veo al equipo centrado en levantarse" e con "ganas de resarcirse", asegura o adestrador do equipo. Non queda outra porque "estamos a sólo un punto de la salvación y nos tenemos que agarrar a eso", defende.

O Granollers pola súa banda chegará a Pontevedra tras sufrir dúas derrotas consecutivas en liga e vencer entre semana en Europa. Os cataláns terán ademais as baixas de Ian Tarrafeta e Borja Lancina por lesión.

Os colexiados do encontro serán os galegos Andrés Rosendo López e Sergio Rodríguez Estévez.