O Teucro proclámase campión da Copa Galicia tras vencer o Cangas nos penaltis

Pontevedra
31 de agosto 2014

A final, disputada en Tui, concluíu con empate a 31 despois dun partido moi disputado. Na semifinal os azuis venceron con claridade do Balonmán Lalín (24-37)

Final da Copa Galicia entre Cangas e Teucro en Tui
Final da Copa Galicia entre Cangas e Teucro en Tui

A Sociedad Deportiva Teucro proclamouse este domingo en Tui campión da Copa Galicia de Balonmán tras impoñerse ao Cangas nunha emocionante final.

Os pontevedreses realizaron un grande encontro, sen perder a cara ao choque cando os cangueses se distanciaron no primeiro período. A reacción teucrista antes do descanso permitiu irse aos vestiarios dous goles por debaixo no electrónico (14-16).

Na reanudación as tornas cambiaron, cos de Quique Domínguez máis entoados para, grazas a unha boa defensa e a actuación de Amérigo en portaría, poñer tres goles de vantaxe (24-21).

No tramo final do encontro o Cangas devolveu a igualada ao marcador, e aínda que contou coa última posesión, o equipo do Morrazo non estivo acertado e a Copa Galicia tivo que decidirse por penaltis (31-31).

Dende os sete metros os azuis estiveron máis acertados para lograr un triunfo que reforza o seu traballo de pretempada e lles sitúa nunha boa posición de cara ao inicio de liga. Por ese motivo o preparador teucrista recoñeceu estar "muy satisfecho con el trabajo de todo el equipo", aínda que o resultado a estas alturas, asegura, "tiene muy poca relevancia".

Para alzar a copa, o Teucro tivo que desahacerse nas roldas previas do Balonmán Pontevedra, o Xiria de Carballo e o Balonmán Lalín, ao cal venceu por un claro 24-37 na semifinal disputada este sábado.