O Teucro quérese regalar unha remontada por Nadal

Pontevedra
20 de decembro 2017

A pesar das baixas coas que chega á cita, os azuis non renuncian a dar a volta á eliminatoria de Copa do Rei ante o Benidorm. Para iso deben recuperar os catro goles de desvantaxe no encontro de volta deste xoves (20:45 horas) no Pavillón Municipal dos Deportes

Bruno De Castro nun adestramento do Teucro
Bruno De Castro nun adestramento do Teucro / Mónica Patxot

"Ante a nosa afección remontar catro goles é posible". Son palabras de Juan Quintas pero resumen a intención do plantel do Condes de Albarei Teucro de tentar ata o final voltear a eliminatoria da Copa do Rei ante o BM Benidorm.

Trátase dunha renda importante e o equipo conta con baixas de peso, que xa se notaron na segunda metade na localidade alacantina propiciando a reacción do Benidorm tras 40 minutos notables dos de Quique Domínguez, pero a ilusión de seguir adiante no Torneo do K.O. segue intacta.

Son 60 minutos os que quedan por afrontar este xoves (20:45 horas) no Pavillón Municipal dos Deportes, onde os azuis xa superaron en liga aos alacantinos.

"Temos moitas limitacións polas baixas e o desgaste físico pero novamente o equipo estou seguro de que dará a cara e tentará levantar a eliminatoria. Estamos preparados para conseguilo", asegura Quique Domínguez ante o que será o último esforzo do ano e referíndose aos problemas físicos de homes como Carlos García, que perdeu os dous últimos encontros, ademais dos lesionados Óscar Silva e Rial e do pivote Johhny Medina, que volverá ao equipo tras o parón.

O Benidorm pola súa banda viaxa a Pontevedra coa única baixa de Guillermo Corzo.