O Teucro, sen confianzas ante o renovado Academia Octavio no derbi provincial

Pontevedra
10 de outubro 2014

"Siempre es un partido especial pero la mayor motivación es seguir arriba", asegura o xogador teucrista e ex do Octavio Dani Hernández. O encontro xógase este sábado ás 20:00 horas no Pavillón Municipal dos Deportes

Quique Domínguez durante o partido de Copa ante o Zarautz
Quique Domínguez durante o partido de Copa ante o Zarautz / Diego Torrado

Partía como unha das maiores incógnitas da competición tras a súa profunda renovación, pero despois de tres xornadas e dous triunfos ante o actual campión, o Barcelona B, e o difícil Palma del Río, o Academia Octavio gañou o respecto dos seus rivais.

Así o ven dende a Sociedad Deportiva Teucro horas antes de afrontar o derbi provincial no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra (sábado ás 20:00 horas).

Os azuis, colíderes da División de Honra Prata, non se fían de "un equipo peligroso y con armas suficientes para ponernos en aprietos", segundo declarou Quique Domínguez, actual preparador teucrista pero ata esta tempada nas filas viguesas.

Domínguez valora moi positivamente o inicio dos seus ex "teniendo en cuenta lo tarde que configuraron la plantilla, pero han empezado a rendir muy pronto".

Dani Hernández: "Siempre es un partido especial pero la mayor motivación es seguir arriba"

Ademais está o compoñente da rivalidade entre ambos os dous conxuntos, aínda que tanto o técnico pontevedrés coma o seu xogador Dani Hernández, tamén con pasado recente no Octavio, queren deixalo de lado para tratar o choque como "un partido más".

Hernández recoñece que "siempre es un partido especial pero la mayor motivación es seguir arriba", unha situación ligueira que, manteñen, reforza o traballo semanal do equipo.

No aspecto físico, unha vez Carlos García superou as súas molestias no xeonllo, que lle obrigaron a realizarse unha infiltración hai poucos días, Quique Domínguez poderá dispoñer de todo o seu potencial, os mesmos homes que arrancaron a tempada de xeito inmaculado.