O Teucro teme que Rial padeza unha grave lesión de xeonllo

Pontevedra
10 de decembro 2017

O lateral mancouse nos últimos minutos do encontro deste sábado en Irún. As primeiras probas realizadas fan temer o peor ao club azul, aínda que será unha resonancia magnética a que determinará o alcance exacto da lesión

Rial, no partido entre Teucro e Ciudad Encantada no Municipal
Rial, no partido entre Teucro e Ciudad Encantada no Municipal / Diego Torrado

As lesións volven castigar unha vez máis ao Condes de Albarei Teucro, que podería perder a José Manuel Rial durante varios meses.

O lateral mancouse nos últimos minutos do encontro deste sábado en Irún, ante o Bidasoa, danando o xeonllo tras un forte golpe e facendo temer o peor.

Esas sensacións iniciais foron referendadas polas primeiras probas médicas ás que foi sometido tras chegar a Pontevedra e que apuntan a unha lesión de gravidade.

Os servizos médicos realizáronlle un TAC confirmando que se viu afectada a rótula do seu xeonllo, aínda que haberá que esperar ao resultado da resonancia magnética que está previsto realizarlle para coñecer o alcance exacto da doenza e o tempo estimado de baixa.

O que é seguro é que o xogador teucrista non estará dispoñible para a última xornada de liga do ano, o vindeiro mércores 13 ante o Barcelona. Unha ausencia sensible para Quique Domínguez ao tratarse dun xogador importante especialmente nos esquemas defensivos do equipo.