O Teucro vai pola súa segunda vitoria no seu debut no Municipal

Pontevedra
20 de setembro 2019

Luís Montes dispón de todo o plantel por segunda semana consecutiva e espera a axuda da afección para dobregar a un dos rivais máis fortes da categoría

Partido amistoso entre o Teucro e o Xiria no Municipal de Pontevedra
Partido amistoso entre o Teucro e o Xiria no Municipal de Pontevedra / Diego Torrado

O Teucro debuta este sábado na súa cancha ante o Villa de Aranda ás 20.30 horas nun partido no que o equipo pide o apoio da afección para ensinar aos novos xogadores o que supón xogar no Municipal. "Os xogadores teñen moitísimas ganas de xogar en casa. Queremos que os novos coñezan a mellor versión deste pavillón", pediu o adestrador azul, Luís Montes.

O técnico contará por segunda semana consecutiva con todo o seu plantel ao completo. "Algo que non ocorreu en toda a tempada pasada máis que en dúas xornadas", destacou o preparador, que puxo en valor o labor do corpo médico do club. 

Con respecto ao rival que visitará este sábado o pavillón, sinalou Montes que Villa de Aranda será "un dos rivais máis duros da competición, foi o mellor da segunda volta do ano pasado, manteñen o bloque con algúns bos reforzos e poñeranos as cousas moi dificiles".

Con todo, desde o Teucro consideran fundamental "facerse fortes en casa" e advirten de que o contrario chegará con ganas de resarcise despois de perder un punto no debut da competición.

Un dos capitáns do equipo, Vicente Poveda, destacou que o plantel ten "ganas de demostrar que imos a por a comeptición e a por o partido". Admite que ao ser un equipo con moitas caras novas incrementa as dificultades pero "nos adestramentos vexo a xente con moitas ganas. Aqui van sufrir moito". dixo sobre os rivais.

Para el, un dos puntos fortes do equipo está na intensidade defensiva. "As ganas fanche ser máis forte e ter máis fame de ir ao contacto. A defensa será un punto forte ao noso favor este ano", dixo Poveda.