O Teucro xógase a vida ante "uno de los equipos más en forma" da Liga Asobal

Pontevedra
18 de marzo 2016

O equipo pontevedrés recibe este sábado (20:30 horas) no Pavillón Municipal dos Deportes ao Balonmano Benidorm nun choque vital na loita pola permanencia. Os azuis, convencidos de sumar os dous puntos, piden axuda á súa afección e aseguran que "no vamos a bajar los brazos"

Adestramento do Teucro no Municipal
Adestramento do Teucro no Municipal / Mónica Patxot

Compite a Sociedad Deportiva Teucro na liga Asobal co plantel máis novo da competición, chea de xogadores galegos e co orzamento máis baixo, e "con esa filosofía vamos a morir porque estamos encantados de defender este proyecto", asegura Quique Domínguez.

Así de vehemente mostrouse o adestrador pontevedrés na rolda de prensa previa ao importante partido deste sábado (20:30) no Pavillón Municipal dos Deportes ante o Balonmano Benidorm, na que é unha cita clave na súa loita pola permanencia na máxima categoría.

"El calendario dice que aún quedan 20 puntos", defende Domínguez para restar dramatismo ao choque, pero o certo é que o cadro teucrista necesita sumar dous puntos para saír da zona de descenso na que caeu tras unha mala serie de resultados.

A pesar de que a vitoria se lles resiste "no se puede hacer más para ganar", explica o técnico sobre a actitude dos seus xogadores nos adestramentos, un plantel que, di, está "empeñado en tirar de esto hacia adelante" e non vai baixar os brazos.

O Benidorm chega a Pontevedra con cinco puntos máis que os azuis, 17, na novena praza, pero convertido en "uno de los equipos más en forma del campeonato" tras reforzarse ben no período invernal.

A pesar das molestias que arrastran varios xogadores, o Teucro afronta o encontro coa única baixa Iván Fernández por lesión.

O partido será arbitrado polos andaluces Fernández Molina e Murillo Castro.