O TM Monte Porreiro morre na beira fronte a Les Borges Vall (2-4)

Pontevedra
29 de xaneiro 2024

O conxunto pontevedrés remontou o punto inicial do seu rival e rozou cos dedos o 3-1 ao seu favor, pero escapóuselle o encontro clave da xornada e terminou caendo. A pesar da derrota mantense na cuarta posición da Superdivisión masculina

Martín Betancor, no enfrontamento de Superdivisión entre TM Monte Porreiro e Irún Leka Enea
Martín Betancor, no enfrontamento de Superdivisión entre TM Monte Porreiro e Irún Leka Enea / Cristina Saiz

Cada xornada na Superdivisión masculina é un exercicio de resistencia e amor propio do Tenis de Mesa Monte Porreiro, gravemente afectado esta tempada polas lesións.

A pesar das ausencias de homes importantes o conxunto pontevedrés segue a dar a cara na máxima categoría, como demostrou este domingo no pavillón de Príncipe Felipe a pesar de caer derrotado fronte a Les Borges Vall (2-4).

O Visit Pontevedra rozou cos dedos canto menos o empate, e é que tras perder o primeiro partido da xornada púxose 2-1 arriba cos triunfos de Martín Betancor sobre o visitante Gui Chenkai e de Miguel Ángel Vílchez fronte a Marc Durán. 

Con vantaxe parcial no marcador chegou o duelo clave do día, o que enfrontou o local Martín Betancor con Norbert Tauler. Unha vitoria nese partido garantía canto menos as tablas, e Betancor estivo moi preto de gañar cedendo finalmente nun emocionante e apertado partido a cinco mangas (9-11, 11-8, 11-6, 6-11 e 9-11).

O Borges puxo o 2-2 e terminou decantando a balanza ao seu favor nos dous últimos choques, nos que Pedro Fernández e Miguel Ángel Vílchez non lograron puntuar.

A pesar da derrota o Monte Porreiro mantense na cuarta posición da Superdivisión masculina con 16 puntos.