O Tenis de Mesa Monte Porreiro afronta unha segunda volta de competición moi dura para conseguir o obxectivo da permanencia na Superdivisión. Todos os rivais reforzaron os seus planteis e, para ser aínda máis competitivos, o cadro pontevedrés recupera a un dos seus fillos pródigos. O arxentino Horacio Cifuentes, despois de clasificar a Arxentina para os Xogos Olímpicos, abandona a liga francesa para volver ao equipo que lle abriu as portas de Europa e converterse no primeiro deportista olímpico que compite na liga española esta tempada.
"Por como se puxo a liga, con fichaxes de última hora tremendos, volve a casa Horacio Cifuentes, único xogador olímpico da Superdivision", anuncian desde o club. Despois de chegar a Pontevedra con 18 anos e estar tres tempadas nas filas lerezanas, deu o salto á liga francesa e "agora regresa para potenciarnos nesta liga tan rara", festexan desde a entidade da Boa Vila.
"Ponme moi contento volver ao meu primeiro club en Europa e fixo da miña carreira algo moi bonito. Un saúdo e un abrazo a todos os afeccionados de Pontevedra", dixo Cifuentes no vídeo gravado polo club para anunciar a fichaxe. "Vou estar representando a Pontevedra na segunda volta, serán partidos moi dificiles, imos loitar para deixar ao club o mellor posible", remata con ambición a nova fichaxe do Tenis de Mesa Monte Porreiro.