Despois de quedar preto de poder participar na cita olímpica de Tokyo, Lydia Pérez Touriño inicia esta campaña o seu camiño cara a París 2024, os que espera sexan 'os seus' Xogos.
Para iso a deportista pontevedresa segue preparándose a conciencia co obxectivo de progresar no panorama internacional, o que pasa por facer as maletas e participar en concentracións e competicións lonxe da casa.
Nesta folla de ruta a loitadora bolseira polo Centro Galego de Tecnificación Deportiva acaba de finalizar unha concentración na cidade sueca de Malmö, e estará presente no prestixioso Torneo Dan Kolov en Sofía, Bulgaría, que dá comezo este xoves 17 de febreiro e que se prolongará ata o día 21.
No horizonte asoma xa o primeiro gran reto internacional da tempada co Campionato de Europa de Loitas Olímpicos que terá lugar en Budapest, Hungría, a principios do mes de abril.
Para chegar o mellor posible á cita continental, Lydia Pérez tomará parte previamente nunha concentración mundial na propia cidade de Budapest, á que foi convidada.