O torneo de fútbol 7 Cidade de Pontevedra previsto para o 13 de xuño, suspendido polo coronavirus

Pontevedra
14 de maio 2020

O Porteiro 2000, que este ano tiña previsto celebrar a edición número 22 dun torneo que trae ás mellores canteiras do fútbol mundial, comunicou a cancelación a través das súas redes sociais

Final e entrega de Trofeos do "XXI Torneo Internacional de Fútbol-7 Benxamín Cidade de Pontevedra"
Final e entrega de Trofeos do "XXI Torneo Internacional de Fútbol-7 Benxamín Cidade de Pontevedra" / Diego Torrado

A crise sanitaria segue modificando o calendario de eventos deportivos previstos para este ano. O último en facer oficial a súa suspensión é o Torneo Internacional de Fútbol 7 Benjamín Cidade de Pontevedra. O campionato que organiza a Escola de Fútbol Porteiro 2000 ía celebrar este verán a súa edición número vinte e dous, que terá que pospoñerse polo menos ata o 2021.

"Dada a situación sanitaria do momento queda suspendido o 22 Torneo Intenacional F7 Benxamín Cidade de Pontevedra 2020", explican na conta de Twitter do club.

A principios do mes de maio, foi o propio concelleiro de Deportes de Pontevedra o que daba por perdidos todos os eventos previstos ata o mes de agosto. A Gladiator Race, prevista para principios de xuño xa fixo oficial a súa anulación, e agora faio o club pontevedrés que acada ano traía ás mellores canteiras do mundo do fútbol a Pontevedra. A cita deste ano estaba fixada inicialmente para o 13 e 14 de xuño.

Desde o Concello temen tamén a suspensión do Campionato de España de Piragüismo Sprint fixado para finais de xullo, aínda que aínda conservan a esperanza de poder organizar os eventos previstos para os últimos meses do ano como o Pro Tour de tríatlon, a Copa de España de ciclocrós ou a etapa final da Copa de España de augas abertas.