O Tríatlon Concello de Poio, unha cita consolidada no calendario galego

Poio
30 de xuño 2016

A sexta edición da proba celebrarase o vindeiro sábado 2 de xullo en Campelo, coa presenza de preto de 250 deportistas inscritos

Presentación do VI Tríatlon Concello de Poio
Presentación do VI Tríatlon Concello de Poio / PontevedraViva

O porto de Campelo será escenario o vindeiro sábado 2 de xullo dunha nova edición, a sexta, do Tríatlon Concello de Poio.

Preto de 250 deportistas daranse cita nunha proba que arrincará ás 15:30 horas coa categoría popular, unha modalidade reducida con 300 metros de natación, 10 quilómetros de ciclismo e 1,6 quilómetros de carreira a pé.

O resto das categorías celebraranse en distánciaa sprint (750 metros de natación, 20 quilómetros de ciclismo e 5 quilómetros de carreira a pé), empezando ás 16:30 horas coa proba masculina sen corte de tempo, seguindo coa masculina con corte de tempos ás 17:50 horas e ás 18:00 horas coa proba feminina.

A competición terá ademais o aliciente de que os vencedores gañarán o dereito para representar a Galicia no próximo Campionato de España por Autonomías.

O Tríatlon Concello de Poio obrigará a pechar ao tráfico de 15:00 a 19:30 horas o paseo de Lourido e Padre Avelino, polo que a concelleira Marga Caldas pediu na presentación da proba "comprensión e paciencia" aos veciños afectados, ao tratarse ademais previsiblemente dunha xornada de praia.