O Trofeo Cidade de Pontevedra de Bádminton chega á súa cuarta edición con estritas medidas de seguridade

Pontevedra
15 de outubro 2020

O pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva acollerá o vindeiro sábado 17 de outubro un evento ao que só poderán acceder os deportistas e un adestrador de cada club

Participantes no II Trofeo Cidade de Pontevedra de badminton
Participantes no II Trofeo Cidade de Pontevedra de badminton / Diego Torrado

Sen público nas bancadas e con acceso exclusivo a deportistas e un adestrador por club. Baixo esas estritas medidas de acceso disputarase o vindeiro sábado 17 de outubro a cuarta edición do Trofeo Cidade de Pontevedra de Bádminton.

O pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva acollerá o evento organizado polo Club Bádminton Ravachol e que será puntuable para o Ranking Nacional das categorías Sub-11 e Absoluta.

As mellores raquetas galegas, pero tamén deportistas de Madrid, Andalucía ou Asturias, daranse cita nunha competición que destaca, aseguran os seus organizadores, polo seu alto nivel.

Na categoría individual, por exemplo, estarán presentes Miguel Barbado e Manuel Brea, número 4 e 5 do ranking nacional absoluto masculino, e Ana Carbón (número 6 de España).

Iso en canto ao trofeo absoluto, xa que en Sub-11 será a primeira competición das novas promesas tras o parón provocado pola pandemia.

A actividade dará comezo ás 9.30 horas baixo o protocolo da Federación Galega de Bádminton aprobado pola Xunta de Galicia e o Consello Superior de Deportes, que recolle entre outras medidas de seguridade complementaria a toma de temperatura a todos os participantes e a desinfección á entrada, saída e en diferentes puntos da instalación.