O Trops Málaga, rival do Teucro na terceira xornada da fase pola permanencia

Pontevedra
02 de abril 2021

O conxunto pontevedrés recibe este sábado 3 de abril (19.30 horas) no Pavillón Municipal dos Deportes o equipo que encabeza a liguiña pola permanencia, coa necesidade de sumar para manterse na zona de salvación

Miguel Sío, no partido entre o Teucro e o Lalín no Pavillón Municipal
Miguel Sío, no partido entre o Teucro e o Lalín no Pavillón Municipal / Cristina Saiz

Nova reválida para a Sociedad Deportiva Teucro na fase pola permanencia na División de Honra Prata.

Os pontevedreses, que iniciaron a liguiña cun empate na casa fronte ao Zamora e unha derrota na pista do Zarautz, terceiro e segundo do grupo actualmente, reciben este sábado 3 de abril (19.30 horas) no Pavillón Municipal dos Deportes o líder, o Trops Málaga.

Cinco puntos separan a ambos os dous equipos na táboa (16 do Málaga por 11 do Teucro), aínda que o que en realidade importa para os teucristas é manter ou ampliar a súa distancia coa zona de descenso, agora a só un punto e cunha encarnizada loita con cinco equipos nunha marxe de só dous puntos. Por iso os de Irene Vilaboa necesitan sumar canto antes se non queren verse comprometidos.

Ao seu favor o Teucro contará cos 300 espectadores que poderán seguir o encontro, tras a última ampliación de aforo permitida polas autoridades.

Ademais os azuis contan cun plantel centrado no reto que se lles presenta, como encarna un dos seus capitáns Marko Dzokic que volverá vestir de curto a pesar dos seus problemas no xeonllo.