O último tren pola permanencia para o Cisne pasa por Nava de la Asunción

Pontevedra
02 de abril 2021

Tras a súa derrota no derbi fronte ao Cangas os pontevedreses buscan este domingo (16.00 horas, LaLigaSportsTV) na pista do conxunto segoviano un triunfo que lles permita engancharse na pelexa por salvar a categoría

Daniel Ramos, no adestramento do Cisne no Pavillón Municipal dos Deportes
Daniel Ramos, no adestramento do Cisne no Pavillón Municipal dos Deportes / Mónica Patxot

Non hai xa máis marxe para o erro. A derrota o mércores no derbi provincial da Liga Asobal reduciu ao mínimo as esperanzas do Dicsa Modular Cisne de pelexar ata o final de tempada pola permanencia na máxima categoría.

Os pontevedreses están lonxe do obxectivo debido ás moitas semanas que acumulan sen gañar, algo que pode cambiar de conseguir sumar dous puntos na súa visita á pista doutro rival directo, o Balonmano Nava.

O Cisne, sen apenas descanso para recuperar as xornadas aprazadas pola covid, desprázase este domingo 4 de abril (16.00 horas, LaLigaSportsTV) á localidade segoviana de Nava de la Asunción no que supón unha das súas últimas oportunidades de engancharse á loita pola salvación.

Os de Jabato chegan á cita con 7 puntos polos 13 do seu rival, polo que unha vitoria permitiría incrementar as súas opcións e tamén a moral do equipo.

Cada detalle pode resultar decisivo, como a profundidade de banco. Neste sentido o técnico poderá contar esta vez co brasileiro Guilherme Valadao, que perdeu o choque fronte ao Cangas do mércores ao fichar polo Cisne despois da data prevista para o duelo, aínda que seguen sen estar os lesionados Andrés Sánchez e Jose  Leiras.

Tras este encontro, a seguinte parada para os pontevedreses será recuperar outra xornada perdida visitando ao Ademar de León o mércores 7 de abril.