O vicepresidente da Xunta felicita en Verducido ao piragüismo galego polas súas 106 medallas internacionais

Pontevedra
23 de decembro 2022

Diego Calvo reuniuse en Pontevedra con 40 padeeiros para poñer de manifesto que Galicia é unha potencia mundial no deporte da piragua

Recepción dos piragüistas galegos con recoñecementos internacionais en 2022, en Verducido
Recepción dos piragüistas galegos con recoñecementos internacionais en 2022, en Verducido / EFE / Salvador Sas

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, felicitou os piragüistas galegos por colleitar 106 medallas a nivel internacional e por situar a Galicia como unha referencia nacional e mundial neste deporte. Fíxoo este venres perante 40 padexeiras e padexeiros aos que recibiu, acompañado polo secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, no Complexo de Regatas David Cal de Verducido.
 
Calvo puxo en valor a relevancia do piragüismo en Galicia, que conta con estrelas de carácter internacional como David Cal, olímpico español máis laureado e que pon nome ao centro de Verducido; Teresa Portela, a olímpica española con máis participacións; ou Adrián Mosquera, o primeiro padexeiro paralímpico da Comunidade. É o deporte que máis galegos levou aos Xogos Olímpicos, que máis medallas olímpicas trouxo para Galicia e que sitúa a comunidade como potencia nacional por ser a que ten máis licenzas e clubs.
 
O conselleiro  agradeceu ao conxunto de padexeiros galegos “as alegrías” que no 2022 deron a Galicia e amosouse seguro de que no 2023 haberá moitas máis. O vicepresidente segundo lembrou as circunstancias nas que se practicaba este deporte, tradicional no mar e nas rías galegas, cando Ramos Misioné acadou a primeira medalla olímpica para o piragüismo galego en Montreal 76, e subliñou que desde aquela odisea ata a acadada o ano pasado en Toquio por Carlos Arévalo e Rodrigo Germade as condicións mudaran, “moito e para mellor”.
 
En resposta a ese nivel e á entrega coa que os deportistas galegos practican piragüismo, a Xunta comprometeuse hai tempo cun deporte que tanto ten dado á comunidade, e esa é unha das razóns polas que a práctica do piragüismo non só mellorou en condicións e infraestruturas, senón tamén en oportunidades para os mozos e mozas que se decantan por esta disciplina. Desde o ano 2009, a Federación Galega de Piragüismo leva recibido máis de 6 millóns de euros para a súa actividade e no 2023 volverá recibir unha inxección de máis de 530.000 euros, un récord histórico en achegas.
 
Polo nivel acadado en Galicia e pola atención que Galicia lle presta, o piragüismo é un deporte de récords na comunidade que merecía dispoñer dun centro de excelencia como o de Verducido, no que adestran 56 deportistas; entre eles, as integrantes do equipo nacional de kaiak feminino.

O Goberno galego mantén deste xeito o seu compromiso co deporte de alta competición e, nese senso, Diego Calvo anunciou a posta en marcha da Oficina de Atención ao Deportista na que confluirán equipos de psicólogos, expertos das universidades e técnicos da Xunta para asesorar, orientar e apoiar os profesionais tanto na súa carreira deportiva como no seu futuro laboral.

No acto cos piragüistas, Calvo quixo renderlle homenaxe a José Manuel Penas, máis coñecido como Keny, falecido hai unhas semanas cando navegaba na súa piragua polo río Lérez. O vicepresidente segundo da Xunta amosou o seu sentido pésame á familia, amigos e compañeiros deportistas.