O VII Torneo Internacional Júnior ITF de Tenis inicia a súa fase final

Pontevedra
09 de outubro 2018

Tras a conclusión da fase previa, este martes comeza nas instalacións do Mercantil a competición na súa fase final, con 32 xogadores por cadro tanto na categoría masculina como na feminina

VII Torneo Internacional ITF Júnior de Tenis no Mercantil
VII Torneo Internacional ITF Júnior de Tenis no Mercantil / Casino Mercantil de Pontevedra / Nolitennis

Despois de dúas emocionantes xornadas de fase previa, o VII Torneo Internacional ITF Júnior de Tenis de Pontevedra inicia este martes a súa fase final de competición nas instalacións do Casino Mercantil en Mourente.

Ata o vindeiro domingo 14 de outubro 32 xogadores en categoría masculina e 32 na feminina, promesas todas elas do circuíto júnior a nivel nacional e internacional, loitarán por facerse co título.

As primeiras xornadas resultarán maratonianas, con 12 horas de actividade entre as 9:00 e as 21:00 horas aproximadamente ante a cantidade de partidos previstos.

Entre os tenistas que lograron certificar desde a previa o seu pase á fase final atópanse os españois Alejandro García e Pablo Llamas xunto Jerome Kym (SUI) e David Stricker (SUI) na competición masculina e Alexandra Eala (PHI), Marina Manyoma (COL), Ruxandra Schech (GER) e Emily Meyer (AUT) na feminina.

O torneo desenvolverase durante toda a semana con portas abertas ao público.