O Waterpolo Galaico inicia a pretempada na praia ante a falta de piscina para adestrarse

Pontevedra
03 de setembro 2014

O club, que prosegue co proceso de separación coa sección de natación, tramita con Rías do Sur a cesión de horas de piscina para os seus adestramentos. A predisposición é boa e contan con ter solucionado o contratempo a próxima semana

Adestramento do Waterpolo Galaico na praia de Mogor
Adestramento do Waterpolo Galaico na praia de Mogor / CW Galaico Pontevedra

A falta de instalacións para adestrarse, o Club Waterpolo Galaico viuse obrigado a tirar de imaxinación mentres non soluciona os problemas derivados da súa separación do Club Natación Galaico.

Mentres este proceso continúa, o club tramita con Rías do Sur a cesión de horas de piscina para a presente tempada, un permiso que esperan obter a próxima semana.

Mentres tanto os equipos cadete, xuvenil, absoluto e feminino iniciaron a pretempada adestrándose na praia de Mogor, aproveitando que a climatoloxía o permite.

Así seguirán uns días, pero segundo recoñece Javi de Sáa todo está encamiñado despois das angustias iniciais tras coñecer a decisión do Natación Galaico de desvincularse da sección de waterpolo.

Con todo o coordinador do Waterpolo Galaico non pecha a porta a unha reconciliación: "esperamos que en el futuro cambien las cosas y podamos volver a unirnos, no lo descartamos", sentenciou.

Pola súa banda, os equipos benxamín, alevín e infantil empezarán os adestramentos o próximo luns, 8 de setembro, con total normalidade na piscina de Campolongo.