O Waterpolo Pontevedra vólvese apuntar ao 'teletraballo'

Pontevedra
21 de xaneiro 2021

Do mesmo xeito que a maioría de clubs da comarca, salvo os que participan en competicións do ámbito estatal, o Waterpolo Pontevedra cesou esta semana a súa actividade, pero manterá os seus adestramentos desde casa e a través de videoconferencia, como sucedeu durante o confinamento do pasado ano

Regreso aos adestramentos do Waterpolo Pontevedra
Regreso aos adestramentos do Waterpolo Pontevedra / Club Waterpolo Pontevedra

A maioría de clubs da comarca paralizaron esta semana a súa actividade tras as novas medidas de prevención contra a Covid que suspenden as competicións autonómicas e permiten ao deporte federado adestrar soamente en grupos dun máximo de 4 deportistas e acatando os peches perimetrais e o toque de queda. Só quedan á marxe os equipos que compiten en ligas ou torneos de ámbito estatal.

Non é o caso do Club Waterpolo Pontevedra, polo que tivo que cesar a súa actividade. Iso si, do mesmo xeito que sucedese no confinamento do pasado mes de marzo, non o fará do todo, xa que se apuntará de novo ao 'teletraballo' con sesións de adestramento para realizar en casa a través da plataforma  Zoom, co obxectivo de que os seus deportistas poidan manter unha boa condición física.

O Waterpolo Pontevedra era un dos clubs que renunciara a competir esta tempada mentres as cifras da pandemia non mellorasen e se garantise a seguridade, pero si mantiña as súas sesións de adestramento desde o mes de xullo, cun estrito protocolo de seguridade.

"Nestes 6 meses de adestramentos, onde a incerteza pola volta á competición sempre estivo no aire, os e as waterpolistas demostraron o seu gran compromiso co club e co deporte. Non é fácil adestrar sen obxectivos competitivos durante tantos meses, nin afacerse a adestrar sen contacto nun deporte como o waterpolo, nin adaptarse aos numerosos e continuos cambios de horarios, nin ter que conformarse con adestrar só 2 ou 3 días con sesións dunha hora ou mesmo 45 minutos, afeitos a poder adestrar 2 ou 3 horas 5 días á semana antes da aparición do covid-19", explica o club pontevedrés agradecendo o esforzo dos seus pupilos.

Por iso "esperamos que esta pausa nas sesións presenciais sexa breve e pronto podamos volver gozar do noso medio e o noso deporte", conclúe o  Waterpolo Pontevedra. Mentres iso non sucede, polo menos quédalles a opción de seguir compartindo os seus exercicios en liña.