A Real Federación Española de Fútbol (RFEF) pechou este luns 18 de xullo o prazo máximo para a inscrición nas súas categorías de ámbito estatal.
Era o prazo que tiña o Pontevedra Club de Fútbol para formalizar a súa inscrición na Primeira RFEF tras o seu ascenso de categoría. A este respecto a entidade granate presentou a documentación requirida en tempo e forma, sendo validada xa entrada a tarde por parte do Xuíz de Competición.
A pesar de que algún club da categoría non foi polo momento validado, a RFEF emitiu un comunicado confirmando que "todos aqueles clubs con equipos que tiñan o dereito deportivo para poder inscribirse nas competicións oficiais fixérono dentro do prazo fixado para iso".
O organismo reitor do fútbol nacional aclara que "para aqueles equipos que aínda lles falte presentar algún dos requisitos obrigatorios para validar a inscrición outórgase un prazo de dez días para presentar a devandita documentación e proceder á resolución da lista definitiva de todos os equipos que participarán en cada unha das categorías".
Será previsiblemente entón cando se poida proceder ao esperado sorteo do calendario para a próxima tempada.