Obxectivos ambiciosos para a nova tempada do Pontevedra Rugby Club

Pontevedra
23 de agosto 2017

"Temos a intención de loitar polo título de liga e o claro obxectivo de entrar no play-off polo ascenso a División de Honra B", recoñecen desde o equipo pontevedrés

Derbi entre Mareantes e Pontevedra Rugby Club
Derbi entre Mareantes e Pontevedra Rugby Club / Diego Torrado

Acabaron as vacacións para o Pontevedra Rugby Club, que empeza a preparar unha nova tempada e faino sen complexos, fixando grandes obxectivos.

"Temos a intención de loitar polo título de liga e o claro obxectivo de entrar no play-off polo ascenso a División de Honra B", recoñecen desde o equipo pontevedrés en relación ao seu conxunto senior.

Non será tarefa sinxela ante os reforzados rivais da Primeira Galega, como CR Ferrol ou Campus Ourense coa incorporación de xogadores foráneos, e tamén Os Ingleses de Vilagarcía, sen esquecer os derbis locais ante o Mareantes.

O primeiro equipo do PRC estará dirixido este ano por Alberto 'Grifón', ata agora director de formación do club e que pretende trasladar ao conxunto senior o rugby dinámico dos equipos de base.

Precisamente os xogadores novos saídos da súa escola serán o núcleo duro do equipo, que durante a pretempada afrontará encontros amigables ante Os Ingleses, Santiago RC e Gijón.