Ofrenda floral para recuperar a categoría

Pontevedra
31 de agosto 2021

O Pontevedra recupera este ano a tradicional ofrenda floral á Virxe da Peregrina previa ao comezo de liga despois de ter que suspendela o curso pasado pola pandemia da covid-19

Ofrenda floral do Pontevedra CF á Virxe Peregrina
Ofrenda floral do Pontevedra CF á Virxe Peregrina / Mónica Patxot

A familia do Pontevedra recuperou este martes a tradicional ofrenda floral á Virxe da Peregrina que afacía celebrar cada ano pero que o curso pasado tivo que suspender pola pandemia da covid-19.

O plantel ao completo, o corpo técnico e os integrantes da xunta directiva reuníronse esta mañá, ás 13 horas na icónica capela pontevedresa para recibir a bendición da virxe e, a continuación, gozar dunha comida de club na Leira Batacos previa ao comezo da tempada.

Ademais de cumprir coa tradición e atender ás palabras do cura, os afeccionados máis fieis ou os máis supersticiosos afrontarán a nova tempada con maior tranquilidade. O curso pasado, sen a protección da Virxe Peregrina, o Pontevedra foi incapaz de clasificarse para a Primeira RFEF e caeu un banzo na clasificación de categorías do fútbol español. Con esta bendición, o club aspira a poder recuperar a categoría perdida ao final desta tempada que comeza o domingo noutro templo, Pasarón, contra o Compostela.