Oitavo posto para o CW Galaico Pontevedra no Campionato de España Xuvenil

Pontevedra
07 de xullo 2015

Os xuvenís do CW Galaico Pontevedra regresan de terras canarias cun oitavo posto no peto. Así finalizaron o Campionato de España de wáter-polo xuvenil que se disputou a pasada fin de semana na piscina do CN Metropole de Las Palmas

Equipo do CW Galaico no Nacional xuvenil que se disputou en Las Palmas
Equipo do CW Galaico no Nacional xuvenil que se disputou en Las Palmas / CW Galaico Pontevedra

Os xuvenís do CW Galaico Pontevedra regresan de terras canarias cun oitavo posto no peto. Así finalizaron o Campionato de España de wáter-polo xuvenil que se disputou a pasada fin de semana na piscina do CN Metropole de Las Palmas.

Na fase de grupos, o equipo pontevedrés iniciou a competición caendo por 9-4 ante o CW Castelló, un equipo moi completo e con xogadores de gran nivel; mentres que no segundo partido lograban a clasificación para os oitavos de final tras derrotar pola mínima (4-3) o Gymnápolis Soller balear. Pecharon este primeiro tramo do torneo cunha contundente derrota (16-5) fronte a La Latina madrileño, equipo que chegaría á final.

Xa na loita polos postos 5 ao 8 e xa sen rivais alcanzables, o CW Galaico Pontevedra debutou ante outro filial dun Primeira División, o C. Askartza Clarete de Leioa. A experiencia competitiva dos vascos quedou reflectida na auga, gañando con comodidade aos do Lérez cun marcador de 4-15, sendo determinante o aspecto físico sobre todo nas xogadas de boia, principalmente pola diferenza de idade.

O último partido do campionato para os pontevedreses foi fronte aos organizadores, o CN Metropole, na final polo sétimo posto. Outro rival filial dun Primeira Nacional, que fixera bos partidos ao longo do campionato. Aínda así, os xogadores do Galaico deron o talle ata o final, a pesar de empezar perdendo 4-1 no primeiro cuarto, e a punto estiveron de dar a sorpresa. Un gol no último segundo permitiu gañar aos canarios 10-9.

En resumo, o de Las Palmas foi un bo campionato do Club Waterpolo Galaico Pontevedra que participou cun equipo moi novo, cun infantil, seis cadetes e só catro xuvenís -que se despediron da categoría-. Todos eles tiveron a oportunidade de xogar fronte a equipos e xogadores con experiencia en ligas nacionais e mesmo xogadores internacionais. Unha grande oportunidade de seguir adquirindo experiencia para o futuro.

En concreto, xogaron o campionato Raúl Viceiro, Juanjo Roca, Iago Facal, Luis Mosquera, Mauro Rivas, Héctor Velasco, Aarón Tellería, Xoán González, Artai Poses, Jacobo Baltasar e Rubén Rodríguez.