Okutu, convocado por España para participar no Europeo de Seleccións en Cheboksary (Rusia)

Marín
16 de xuño 2015

Ramón Cid, director técnico da Federación Española de Atletismo, incluíu a Okutu na lista de atletas que integran a selección que o noso país enviará á cidade rusa de Cheboksary con motivo do Campionato de Europa de Seleccións

Jean Marie Okutu no Campionato Galego de Atletismo no CGTD de Pontevedra
Jean Marie Okutu no Campionato Galego de Atletismo no CGTD de Pontevedra /

Jean Marie Okutu volverá vestir as cores da selección española de atletismo. Tras o quinto posto logrado o pasado mes de marzo no Europeo de pista cuberta, o atleta marinense volve entrar nos plans da Federación.

Ramón Cid, director técnico da Federación Española de Atletismo, incluíu a Okutu na lista de atletas que integran a selección que o noso país enviará á cidade rusa de Cheboksary con motivo do Campionato de Europa de Seleccións.

O atleta do FC Barcelona volverá representar os intereses españois na proba de salto de lonxitude.

O obxectivo do equipo español nesta sexta edición do Europeo de Seleccións, antes Copa de Europa -entre 1965 e 2008-, é manterse entre os doce mellores países do continente, evitando unha das tres últimas prazas que lle levarían directamente ao descenso de categoría.

Ata a data, dende que se compite neste novo formato no que se acumulan puntos conxuntos de homes e mulleres, o mellor posto da selección española é a sétima praza lograda en Estocolmo en 2011.

A lista completa de seleccionados pódese consultar na web da Federación Española de Atletismo.