A Federación Galega de Atletismo acaba de abrir as votacións, como cada ano a estas alturas, para elixir aos mellores atletas da última tempada. Nun auditorio abarrotado coas estrelas do tartán autonómico adoitábanse realizar estes recoñecementos, pero o estado de alarma decretado pola pandemia do coronavirus obrigou a suspender a tradicional gala, pero non a concesión dos premios, que serán anunciados o próximo 15 de abril.
Entre os nomeados de todas as categorías sobresaen catro grandes nomes ligados estreitamente ao atletismo pontevedrés. O saltador olímpico Jean Marie Okutu parte sempre entre os favoritos para facerse co galardón, pero na categoría elite masculina terá que pugnar con outros consagrados deportistas como o lanzador de peso asentado na cidade do Lérez, Frank Casañas ou o fondista Manuel 'Huracán' Hurtado, habitual tamén das pistas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.
Pero os pontevedreses terán que competir con duros rivais que tamén fixeron méritos durante o pasado curso para conseguir este recoñecemento. O velocista Mauro Triana, o mediofondista Adrián Ben e o fondista Tariku Novales son outros grandes referentes deste deporte en Galicia que tamén completaron un ano infestado de éxitos.
No cadro feminino sénior resalta a prometedora lanzadora de xavelina da Gimnástica, Andrea González, que comparte nomeamento con figuras de ámbito internacional como Ana Peleteiro, Esther Navarrete, Solange Pereira, Saleta Fernández ou Lidia Parada.
A gala servirá tamén para encumbrar ás novas promesas do atletismo galego, entre as que figura a marchadora Antía Chamosa; e as de categoría máster, como Conchi Campos, que segue alternando os seus adestramentos co seu rol de tenente de alcalde no Concello de Cuntis.
O prazo para realizar as votacións, que están dispoñibles na páxina web da Federación Galega de Atletismo, conclúe o 15 de abril. Á hora de valorar aos atletas terase en conta os seus resultados en competicións mundiais, europeos, nacionais, galegos ou superar algún récord autonómico.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.