Un evento "histórico" para o boxeo galego e nacional.
Así cualificaron ao Open Vila de Marín de Boxeo que foi presentado este mércores e que se celebrará os días 1, 2 e 3 de maio no pavillón do colexio San Narciso.
Será, aseguraron o concelleiro de Deportes, Antonio Traba, e Aarón González (Team Thunder), o evento de maior participación a nivel nacional e un dos máis importantes de Europa.
En total inscribíronse 560 deportistas, desde categoría escolar até a elite, con presenza de boxeadores de España, Portugal e até Canadá.
Desta forma durante as tres xornadas de Open prevense preto de 400 combates nun hohrario intensivo de 10.00 a 14.00 e de 15.30 a 21.30 horas.

Unhas cifras que obrigan a un gran esforzo organizativo, con até 25 árbitros, 200 adestradores preto de 30 persoas implicadas en loxística e coordinación.
"Desde o Concello de Marín animamos á veciñanza a participar e desfrutar dun evento deportivo de primeiro nivel, que ademais reforza o compromiso institucional co deporte base e coa proxección internacional do noso municipio", afirmou na presentación do campionato Antonio Traba.
As tres xornadas serán retransmitidas en directo a través da canle de Youtube do Team Thunder.