O Club Cisne Balonmán lanzou un SOS para poder afrontar a participación do seu equipo cadete na fase final do Campionato de España, no que competirán os oito mellores equipos do país.
O club pontevedrés lanzou unha 'Operación Quilómetro' coa que recadar fondos para un desprazamento a Elxe que, estiman, ascenderá aos 12.000 euros nunha competición que se desenvolverá entre os días 8 e 12 de xuño.
"Altéranos un pouco a perspectiva económica de fronte ao peche de tempada", recoñeceu o presidente cisneísta, Santiago Picallo, este mércores na presentación do Sector Nacional Infantil que organizarán en Pontevedra do venres 3 ao domingo 5 de xuño, a terceira competición consecutiva dos seus equipos na casa tras os sectores xuvenil e cadete.
"Con dous euros pódese comprar un quilómetro", explicou Picallo sobre unha campaña de micromecenado que pretende atopar compradores para os 2.000 quilómetros de percorrido do equipo (ida e volta a Elxe).
As doazóns xestionaranse a través da plataforma Cluber e poñendo á venda participacións de 2, 5, 10, 20 e 50 euros en varios establecementos da cidade.
SECTOR DO NACIONAL INFANTIL
En canto ao Sector Nacional Infantil, o Pavillón Municipal dos Deportes acollerá unha competición na que tamén estarán presentes o CB Gáldar, o Eskubaloia Basauri e o Balonmano Ikasa.
Os encontros do campionato comezarán o venres 3 de xuño cos partidos Ikasa- Basauri (18.00 horas) e Cisne-Gáldar (20.00 horas), continuarán o sábado cos encontros Ikasa-Gáldar (10.30 horas) e Cisne-Basauri (12.30 horas) e finalizarán o domingo cos choques Gáldar-Basauri (9.30 horas) e Cisne-Ikasa (12.00 horas).
Na presentación do Sector participaron o presidente do Cisne e o edil de Deportes, Tino Fernández, que defendeu a xesta lograda polo club pontevedrés esta tempada porque "é difícil que nun mesmo ano, un equipo sénior alcance un ascenso e todos os demais equipos de base sexan campións de Galicia, sen excepción. Isto fala moi ben do traballo que vén facendo".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.